Tuesday 23 de April de 2024

A Xunta impulsa un verán accesible co campamento para persoas con discapacidade “Natureza xunto ao mar


— Nesta actividade, que forma parte da oferta específica de campamentos para persoas con discapacidade, participan 30 usuarios de entre 19 e 50 anos

— Ata este mércores, combinan as actividades na praia e o mar con deporte e veladas, tendo sempre en conta as súas necesidades específicas

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, achegouse esta mañá ao campamento específico para persoas con discapacidade Natureza xunto ao mar. A actividade, que se celebra no Complexo Xuvenil As Mariñas de Bergondo, acolle ata este mércores a 30 participantes. Todos eles gozan dun verán accesible grazas a este programa do Goberno galego.

As persoas que forman parte desta iniciativa, de idades comprendidas de entre 19 e 50 anos, desfrutan dende o pasado luns de actividades na praia como xogos na area ou caiac, que se combinan con veladas e noites de animación. Unha oferta completamente adaptada ás necesidades destas persoas, que moitas veces se ven privadas de acceder a elas na súa contorna debido a problemas de accesibilidade.

Durante a visita, Fernando González Abeijón destacou a alternativa de conciliación que supón a actividade para as persoas con discapacidade e tamén para as súas familias. Neste sentido, subliñou que estes campamentos específicos, que ofrecen un total de 200 prazas este ano, contan con actividades completamente adaptadas ás súas necesidades coas que gozan do seu tempo de lecer e fortalecen as súas habilidades en distintos ámbitos, como as relacións sociais.

Campaña de verán inclusiva
Estas prazas en campamentos específicos súmanse a outras 100 reservadas nos campamentos xerais. Así, a maior campaña de verán da historia do Executivo autonómico destina a persoas con discapacidade 300 prazas. Así e todo, os usuarios que decidan non optar a ningunha destas prazas reservadas tamén teñen garantidas todas as súas necesidades de adaptación en calquera das actividades desta campaña.